En Liñares de Bidul, collemos un camiño que sae á esquerda en dirección leste. Ó comezo, os nosos pasos discorren por un bo camiño que atravesa monte baixo, que ó pouco se converte nun sendeiro descendente de bastante pendente. Máis adiante atopamos as ruínas do pobo de Ludeiro dando entrada a unha paraxe de rochas e bosque autóctono. Continuamos por un sendeiro de laxe bastante esvaradío, que atravesa varios soutos e regatos pasando xunto aos restos de antigas corripas.
A cada paso, o sendeiro faise máis fermoso seguindo o regato do Navallo, encaixado no fondo do val, onde atopamos unha casa habitada temporalmente e que posúe unha fonte. Seguimos o sendeiro ata chegar á estrada, onde collemos á esquerda ata a entrada da pista con indicador a Riodeporcos, pola que continuaremos a ruta.
Deixando a ponte colgante de Riodeporcos á esquerda, seguimos a nosa andaina de fronte, atopándonos no camiño da República (antigo camiño feito á man nos anos 30 e 40 que une A Fonsagrada e San Antolín de Ibias), que discorre pegado ó encoro de Grandas de Salime.
Continuamos a canle do río Navia disfrutando dunha paisaxe fluvial de gran beleza e valor ecolóxico ata chegar á Fábrica, lugar onde se fundía o mineral ata o ano 1875, e do que aínda hoxe se conserva a súa impoñente cheminea.
Na aldea abandonada da Fornaza atópanse os restos de antigos fornos de fundición férrea e unha antiga capela.
Seguindo o camiño pegado ó río Lamas, chegaremos á Ferrería de Vilar de Cuíña, que tivo actividade ata finais do século XIX. Despois de deixar este lugar, hoxe convertido en área recreativa, continuamos o camiño da República acompañados da beleza paisaxística da ribeira do río Lamas ata chegar á ponte de Villabol, onde remata a nosa andaina.
Cargando...