ORIXE
O Museo da Fonsagrada foi fundado no ano 1984 por un grupo de veciños da comarca da Fonsagrada constituídos en padroado , do que forman parte tamén o Concello da Fonsagrada e os centros de educación primaria e secundarias.
A actividade deste grupo representa unha forma de integración da sociedade local na institución do Museo, a través da cesión e localización de pezas, da prestación económica ao sostemento do mesmo, e da prestación persoal en actividades e traballos a prol do Museo.
O Museo desexa presentar as formas de vida e de traballo tradicionais dunha comarca da montaña na que a evolución dos tempos está a piques de deixar no esquecemento esas formas de cultura, pretendéndose, ao mesmo tempo, presentalas de xeito que se provoque no visitante unha reflexión sobre o valor cultural da vida tradicional e sobre as circunstancias nas que se está a dar a cambio no medio rural.
SECCIÓNS
Neste museo recóllense aspectos da vida tradicional destas terras montañosas. Dispón de salas de etnografía (oficios tradicionais, vida rural, xogos, escola,...), arquitectura popular (vivenda, hórreos, muíños...), historia local, arqueoloxía (achádegos da época das mámoas, castrexa ou da romanización), mostras do mundo agrícola, escultura relixiosa e escultura contemporánea.
Esta última presenta a singularidade de mostrar unha colección de obras que pretenden poñer de relevo a supervivencia das antigas formas populares na escultura moderna.
Conta tamén cunha biblioteca especializada e un arquivo fotográfico. Dispón ademais dun local para exposicións (de pintura, escultura, fotografía, etc.).
DE IDA E VOLTA
O Museo presenta como parte importante dos seus fondos e como rasgo diferenciador do seu carácter, unha colección de arte contemporánea, principalmente esculturas, repartidas entre as distintas seccións do Museo, formando elas mesmas unha sección baixo a denominación “DE IDA E VOLTA”.
Estas obras, intencionadamente mesturadas entre os obxectos tradicionais, están escollidas por presentar nas súas formas, na súa intencionalidade, ou simplemente no seu poder suxeridor, unha conexión coas pezas da cultura popular expostas.
Os artistas representados polo de agora son os seguintes:
Mónica Alonso, Ignacio Basallo, Manolo Paz, Paco Pestana, Xoan Lomarti, Ricardo Monjardín, Álvaro de la Vega, Pablo Sánchez, Luis Borrajo, Fernando Villapol, Xosé miguel Moldes e Manuel Moldes, todos con obra propiedade do Museo ou cedida en depósito.
ARQUEOLOXÍA
Son tres as épocas de poboamento máis antigo que se coñecen na comarca, presentadas no Museo a través de obxectos achados casualmente e tamén por medio de fotografías, material doado na súa maior parte polo profesor Enríque López, patrón do Museo.
Da época das MÁMOAS ou MODORRAS, correspondentes aos poboadores máis antigos coñecidos (c
ultura recoñecible polos enterramentos baixo grandes lousas), amósanse posibles ofrendas de pedra de culto mortuorio e machados de cobre e bronce.
Da época CASTREXA, correspondente aos numerosos castros da comarca, expóñense restos cerámicos, pezas para o traballo téxtil, pezas de enxoval e muíños barquiformes de pedra.
Da época da ROMANIZACIÓN, manifestada principalmente nos restos evidentes de explotacións mineiras, son varios muíños de pedra circulares, anacos de cerámica “sigillada” e restos de ferramentas de uso mineiro.
ETNOGRAFÍA
Esta sección inclúe a instalación dunha ADEGA, Dunha FORXA de ferreiro e dunha LAREIRA , todo na planta baixa do Museo. O mundo dos OFICIOS RURAIS: cesteiro, zoqueiro, carpinteiro, torneiro, cordeiro, tecedeira, incluso músico (co cego Florencio dos Vilares e o seu violín) está representado con todos os seus trebellos, facendo evidente a importancia que tiveron nunha economía de autosuficiencia.
O mundo da LABRANZA inclúe o carro e os apeiros. Do mundo do MONTE exponse unha mostra sobre os soutos, a serraxe da madeira e o mel e as colmeas.
Existe un espazo dedicado á EMIGRACIÓN que recolle os recordos da estancia en Bos Aires e A Habana do emigrado Euloxio Gutiérrez, de Maderne, doados pola súa familia.
ARQUITECTURA
A interesante arquitectura popular da comarca exponse nunha sección que mostra, a través de maquetas, planos e fotografías, as características construtivas, os materiais e os tipos de vivenda máis frecuentes, clasificados estes como CASA PALLOZA e as súas derivadas, a CASA CÚBICA, e a CASA CON CORREDOR, correspondentes a distintas épocas e localozacións xeográficas.
Tamén se recollo a tipoloxía dos HORREOS e a dos muíños de auga, conectados estes cunha pequena sección onde se recolle o mundo do cultivo do cereal.
Gran parte do material exposto resulta da colaboración cos colexios e instituto da Fonsagrada, así como coa escola de arquitectura da Coruña. As maquetas son creacións do artista Manuel Miranda.
Cargando...