• Hoxe 10º 7
  • Jueves 10º 10
  • Viernes 10º 6

Camiño Primitivo de Santiago

Esta ruta de peregrinación a Santiago é coñecida tamén como "ruta astur-galaica do interior", "Camiño Real" ou tamén "vía de Alfonso II O Casto". Esta vía xubilea contou dende a época máis primitiva cunha grande protección rexia baixo distintos monarcas: Alfonso III, Alfonso VI, Alfonso VII (quen peregrina pola mesma), Alfonso IX de León -tal vez o rei que máis fixo por esta ruta-, Alfonso XI (tamén romeiro por estas terras) e incluso o pontífice Pío II.

Xa era unha ruta de “peregrinación” relixiosa celta, e a fonte da Fonsagrada foi unha fonte sagrada para os celtas, pero non a única, había varias por Europa (cfr. Pedro Pablo G. May. Los mitos celtas. 2002)

Por terras galegas, o Camiño Primitivo recorre os actuais concellos da Fonsagrada (antigo Pobra de Burón), Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín de Pallares, Friol, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino e Compostela. No concello fonsagradino, o camiño entra polo porto do Acebo, paralelo á C-630, buscando o hospital de Fonfría; seguindo por Barbeitos e Silvela o Camiño Real achégase a Paradanova, topónimo con sabor a peregrinación, onde se ramifica.

Dende aquí, a ruta máis antiga baixaba polo Norte cara á Pobra de Burón, capital do concello ata 1835. Posteriormente, unha desviación pola Fonsagrada tratou de acortar camiño, subindo dende Paradanova ata A Praza, na Fonsagrada, desembocando xusto na Fonte Sagrada.

Logo o Camiño de Santiago sobe polo casco antigo da vila, baixando cara a poñente, camiño de Padrón, antes de buscar a encrucillada da Santa Cruz. Seguidamente, esta vereda achégase a Vilardongo -pola capela- para atoparse coa vía buronesa preto de Pedrafitelas, antes de seguir por riba de Montouto buscando O Muradal. En Montouto atopamos os restos do antigo hospital de Santiago de Montouto, fundado en 1357 polo rei de Castela Pedro I O Cruel, coa fin de ofrecer acollida aos peregrinos que se dirixían a Compostela dende Asturias. A poucos metros atopamos as grandes pedras dun dolmen neolítico. Finalmente, o camiño baixa a  Paradavella , topónimo que de novo nos indica o paso por estas terras dunha ruta de peregrinación, antes de chegar ao concello do Cádavo.

Hospital de Montouto
Hospital de Montouto

Asociación de Amigos do Camiño Primitivo

Existe unha Asociación de "Amigos do Camiño Primitivo de Santiago" creada no ano 1992, con ocasión dunhas xornadas organizadas polo Museo Comarcal, coa fin de espertar o interese polo Camiño e coidar pola súa recuperación e conservación.

Esta asociación organiza todos os anos unha romaría o día de Santiago Apóstol no antigo Hospital de Montouto (lugar de concentración de peregrinos), na cal ten lugar a celebración dunha xornada especial de reunión dos gaiteiros da zona e de toda Galiza.

 

Relatos de peregrinos no seu paso pola A Fonsagrada

El Camino Primitivo en Bici: Oviedo - Santiago de Compostela, ETAPA 4: A Fonsagrada - Lugo

 

 

Cargando...