Fonsixgrada é un proxecto educativo en activo que se está a levar a cabo, por parte do alumnado e profesorado do IESP Fontem Albei da Fonsagrada (Lugo), dentro do Proxecto Piteas, programa promovido pola Fundación Barrié coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e a participación da Unidade de Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela.
Trátase dun programa baseado no modelo SEM de Joseph Renzulli; este Modelo de Enriquecemento comezou sendo un modelo educativo para responder ás necesidades do alumnado con altas capacidades e converteuse, nas tres últimas décadas, nun modelo de escola inclusiva que responde á diversidade da aula e optimiza a aprendizaxe de todos e cada un dos alumnos e alumnas. O enriquecemento busca infundir experiencias e actividades que vaian máis alá do prescrito no currículum ordinario, facéndoo máis atractivo e interesante para o alumnado. O SEM enfatiza o compromiso e o uso de experiencias de aprendizaxe agradables e desafiantes construídas a partir dos intereses do alumnado, os seus estilos de aprendizaxe e os seus estilos de produto.
No instituto da Fonsagrada traballouse, durante este curso 2018/2019, sobre o territorio do propio Concello. Estudáronse as lendas da zona, receitas das nosas avoas e nais, ás nosas heroínas, a vida dos nosos gaiteiros, o número áureo, xeomorfoloxía, guía de empresas... fíxose unha caixa de realidade aumentada, unha maqueta de curvas de nivel... Todo isto e moito máis xeolocalizouse nun mapa do noso Concello (de aí o nome do proxecto Fonsixgrada), e pódese ver no site web que o IESP Fontem Albei fixo para poder mostrar e compartir co público en xeral.
Cargando...