Dende A Fonsagrada colleremos a estrada LU-721 en dirección ao val do río Lamas. Antes de chegar ao lugar de Vilagocende atoparemos, no lado esquerdo, unha pequena zona de aparcadoiro onde poder deixar o coche para seguir o camiño que descende a man dereita. O percorrido ata a fervenza ten apenas 1 Km e discorre por unha contorna de bosque autóctono de ribeira, con carballos, bidueiros e ameneiros, que non anticipa a grata sorpresa que recibiremos ao chegar á espectacular seimeira, nome co que se coñece ás fervenzas nesta zona. Unha vez no final do camiño, poderemos ver desbrocarse ao río da Porteliña en todo o seu esplendor, formando este cadoiro de 54m de altura considerado o máis alto de Galicia en caída libre.
Unha vez os pés da seimeira, unha pasarela de madeira permitirá que nos aproximemos un pouco máis. Nesta zona o terreo está normalmente mollado e esvaradío, e as temperaturas baixan bastante, polo que se recomenda levar roupa de abrigo e calzado apropiado.
Cargando...