O ciclo de teatro profesional da Deputación de Lugo, con motivo da conmemoración do 25N organiza a representación teatral "O Mundo de Martiña" da compañía Bátega o venres 24 de novembro ás 20:00 horas no Salón de Actos Municipal dos Chaos (A Fonsagrada).

Teatro musical.

Público maior de 14 anos.

Sinopse: Martiña é unha nena moi curiosa e espilida, mais hai cousas que non logra entender, como por exemplo que as súas opinións sexan menos importantes que as dos adultos, ou que teña que calar e obedecer a papá, a mamá, ao pai Edelmiro, á tía Amparo…, cando é evidente o trabucados que están acotío. Iso de que estean Deus, o Ratiño Pérez, os Reis Magos ou o anxiño da garda observándoa para xulgar o seu comportamento e premiala ou castigala, tampouco lle acaba de gostar. Na segunda metade do espectáculo, veremos a Martiña medrar, afrontar a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o mundo laboral. Verémola sortear obstáculos e sacar conclusións.. A
través dun monólogo teatralizado, musicado e entretecido con cancións, Martiña enfrontarase á vida coas armas que vai descubrindo. O seu espíritu crítico e as súas dúbidas respecto ao establecido nunca abandoarán.

Autoría: Raquel López Cendán.

Dirección: Raquel López Cendán.

Elenco: Raquel López Cendán e Pedro Insua.

Duración: 60 min.

 

A compañía:

Bátega nace en 2015 ao abeiro da Noite Poética (xuntanza artística mensual, aberta e multidisciplinar, que desde outubro do 2010 se ven desenvolvendo no Centro Social Vagalume da cidade de Lugo) Bátega é un proxecto no que se mesturan monólogos e cancións, humor, personaxes reais, inocentes e grotescos, contos, harmonías e toda unha paleta inimaxinable de emocións. Levan xa cinco montaxes representadas por toda Galicia: A fábrica e a tristura, A síntese, A dúbida e a doutrina, Amordazadas e O mundo de Martiña.