A Compañía de teatro afeccionado:

Metátese xurdiu a comezos dos anos 90 como un colectivo interesado en achegar o teatro contemporáneo a todos os públicos. Nestas tres décadas de existencia levan escenificadas obras de Carvalho Calero, Ánxel Fole, Castelao, Rafael Dieste, Manuel Rivas, entre outros, e teñen actuado por toda Galicia, parte de España e noutros lugares do mundo, como Portugal, Francia, Cuba, Xapón, Xordania, Exipto, Rusia, Arxentina, Uruguai, Perú, El Salvador, Guatemala, etc… Ademais Metátese coorganiza a Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei - Teatro no Camiño de Santiago, que este ano celebrou a súa XXIII Edición. Desde o ano 2008 en colaboración co Concello faise cargo do obradoiro municipal de teatro no que participan máis de cincuenta rapaces de entre 3 a 24 anos. Destaca tamén no amplo historial deste grupo a dirección escénica do “Son d´aldea”, unha colaboración con outras entidades da comarca da Ulloa en prol da cultura, o patrimonio e o medio ambiente.

Escola de vaqueiras. Comedia. Todos os públicos.

Sinopse: Un grupo de homes e mulleres que desexan regresar ao rural, deciden asistir a unha academia na que se imparten clases maxistrais sobre as labores do campo, establecéndose en clave cómica un paralelismo entre o universo da aldea galega e o vello Oeste Americano. Nesta obra amósase un sorprendente universo teatral no que se reflexiona, con altas doses de humor e retranca, sobre a vida na aldea, sobre os conflitos familiares, sobre a convivencia entre veciños, sobre a igualdade nos roles…

Duración: 65 min.