Os Concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz e a Deputación de Lugo presentaron este xoves a páxina web www.terrasdeburon.es, que as tres entidades locais crearon para promocionar conxuntamente os seus recursos grazas aos fondos que recibiron do Plan Único da institución provincial.

No acto participaron o Presidente da deputación, José Tomé Rica; o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; o rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, e o Alcalde​ de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, ademais da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; representantes da Corporación municipal da Fonsagrada e hostaleiros da zona.

​A web www.terrasdeburon.es difunde a oferta, actividades de lecer, gastronomía, historia e cultura da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz. Ademais, permite que os establecementos hostaleiros e turísticos da zona se promocionen de xeito gratuíto e ofrece diferentes rutas de sendeirismo e lugares emblemáticos de interese para os visitantes. Os contidos desta plataforma estarán nas redes sociais para facer promoción do territorio.