O ciclo de teatro afeccionado da Vicepresidencia da Deputación trae o sábado 11 de novembro a comedia "A Carón das Palabras" de Métatese Teatro. A representación realizarase no Salón de Actos Municipal dos Chaos (A Fonsagrada) ás 19:00 horas. A entrada é gratuíta. Para todos os públicos.
Sinopse: Nunha reunión familar entrañable, unha voda, os convidados lembran aqueles momentos ao longo da súa vida que foron de auténtica plenitude emocional. Será nese
contexto no que teatralizarán divertidas historias vividas en primeira persoa ou relatadas por terceiros, probando así a importancia da palabra como ferramenta básica
para relacionarnos co mundo, cos demais e con nós mesmos.
Autoría: creación propia de Metátese Teatro.
Dirección: Afonso García Pernas.
Elenco: 13 actrices e actores.
Duración: 65 min.
Metátese xurdiu a comezos dos anos 90 como un colectivo interesado en achegar o teatro contemporáneo a todos os públicos. Nestas tres décadas de existencia levan escenificadas obras de Carvalho Calero, Ánxel Fole, Castelao, Rafael Dieste, Manuel Rivas, entre outros, e teñen actuado por toda Galicia, parte de España e noutros lugares do mundo, como Portugal, Francia, Cuba, Xapón, Xordania, Exipto, Rusia, Arxentina, Uruguai, Perú, El Salvador, Guatemala, etc… Ademais Metátese coorganiza a Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei - Teatro no Camiño de Santiago, que este ano celebra a súa XXV Edición. Coincidindo con esta Mostra entréganse os Premios Mácara, Careón e Garabato a persoas e entidades que traballan en prol do teatro, a poesía e o patrimonio. Desde o ano 2008 en colaboración co Concello, Metátese faise cargo do obradoiro municipal de teatro no que participan rapaces e rapazas de todas as idades. Destaca tamén no amplo historial deste grupo a dirección escénica do “Son de Muller” e “Son do Mar”, así como do roteiro cultural “Son d´aldea”, unha colaboración con outras entidades da comarca da Ulloa en prol da cultura, o patrimonio e o medio ambiente.