A web Terras de Burón recibiu o galardón Lugo Cambia ao turismo lucense da Deputación de Lugo. O Salón de Actos da Deputación de Lugo acolleu este luns, no Día Mundial do Turismo, a entrega dos premios Lugo Cambia ao turismo lucense e ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense deste ano 2021. 

O acto contou coa presenza da Vicepresidenta da institución provincial, Maite Ferreiro Tallón, de deputados e deputadas provinciais, da Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e dos membros do Consello de Turismo, o órgano que convocou e que fallou os galardóns. Alberte Cabarcos foi o mantedor da gala, na que actuou Iria Estévez interpretando varias pezas musicais. O acto foi retransmitido por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo. 

As cinco entidades premiadas recibiron un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan este recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo. 

Estes galardóns “dan visibilidade á oferta da provincia nos eidos do turismo e da gastronomía. Unha proxección que ten por obxecto atraer visitantes, xerar riqueza e fomentar o emprego, sobre todo o emprego estable e de calidade no rural, para favorecer o equilibrio territorial e fixar poboación. Tamén queren servir como un acicate para incentivar a innovación e a modernización do sector. Que se xeren propostas novas, suxerentes, adaptadas ós novos tempos nos que unha oferta ben presentada a través dunha rede social pode ser a que xere un fluxo de visitas a un pobo, a unha ruta, a un establecemento”, explicou a Deputada Pilar García Porto.

“O perfil das candidaturas reflexa ben as características do modelo turístico e gastronómico polo que traballamos na provincia. Un turismo sostible e racional que contribúe a mover a economía local e xerar emprego no rural. Un modelo baseado nunha oferta diversificada, capaz de atraer xente ao longo do ano, e unha oferta non masificada, que se adapta moi ben ós novos modelos de ocio, centrados en recuperar a importancia da experiencia persoal”, sinalou a Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo. García Porto agradeceu “o gran traballo” dos premiados, “que contribúe a dar a coñecer esta provincia máis alá das súas fronteiras”. 

Os premiados:

Na categoría Lugo Cambia ao turismo lucense, o xurado acordou distinguir aos seguintes catro proxectos turísticos e entidades:

- O Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel resultou distinguido polo seu proxecto baseado no patrimonio xeolóxico de relevancia internacional, a posta en marcha de iniciativas de xeoconservación e divulgación, e o impulso do desenvolvemento económico e cultural a través do turismo xeolóxico. Foi declarado en 2019 pola UNESCO o primeiro Xeoparque do noroeste da Península. Conta con 23 miradoiros, cinco museos e centros de interpretación e 189 quilómetros de sendeiros, que permiten descubrir a singular xeoloxía e a biodiversidade, onde convive o ser humano dende a prehistoria.

- A páxina web Terras de Burón (www.terrasdeburon.es), impulsada polos concellos de Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada, foi premiada polo xurado pola súa labor de fomento e promoción turística deste territorio da Montaña lucense. Esta páxina e as súas redes sociais adáptanse ás novas tecnoloxías e integra as TIC na experiencia turística.

- O Concello de Viveiro recibiu o galardón polo seu proxecto Viveiro ante o Berce, unha iniciativa turística que se celebra no Nadal cun importante impacto no municipio pero tamén na provincia. A Praza de Santa María acolle, nos meses de decembro e xaneiro, este nacemento de Cristo a tamaño real que recrea a vida cotiá en Belén. Entre as escenas que se representan atópanse O Misterio; a Anunciación aos Pastores; a Anunciación á Virxe; a visita dos Reis Magos; a Matanza dos Inocentes; e a Sala do Trono de Herodes. 

- A Aldea de Turismo Rural O Mazo, no Courel, foi distinguida co premio ao turismo lucense por desenvolver iniciativas singulares en Galicia tras a recuperación dun espazo de turismo rural de 2 hectáreas de terreo e de infraestruturas que estaban abandonadas. Trátase dun proxecto que naceu hai unha década co obxectivo de recuperar a súa historia respectando as construcións do século XIX sen renunciar á modernidade e ás novas tecnoloxías.

Polo que respecta á categoría ...E para comer, Lugo á gastronomía lucense, foi galardoada a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (ASOPORCEL) polo seu traballo de recuperación e conservación da única raza porcina autóctona de Galicia, predominante a primeiros do século XX, pero que pasou a ser unha actividade residual. Na actualidade, esta entidade traballa para a preservación do patrimonio xenético desta raza, compatibilizándoa como unha alternativa á produción e ao desenvolvemento rural. A asociación aglutina hoxe a 138 explotacións.