- Dentro da campaña de Nadal e co obxectivo de ambientar as rúas e pobos do municipio, dende o Concello da Fonsagrada convócase este 3º Concurso. Ten por obxecto promover a participación cidadá do noso Concello, premiando a decoración de Nadal de Fachadas e Xardíns que proporcionen un mellor ambiente festivo, de forma que sexan atractivos para veciños, veciñas e visitantes.
- A temática a desenvolver na decoración será exclusivamente relativa ás Festas de Nadal. Os e as participantes terán plena liberdade en canto á técnica e estilo de decoración das súas fachadas e xardíns, sempre que a decoración e iluminación non supoña un perigo para os e as viandantes. Queda totalmente prohibida a iluminación empregando lume, fachos, candeas ou calquera outro elemento pirotécnico. A decoración deberá estar instalada e funcionando antes do día 15 de decembro.
- Poderán participar no concurso todos os veciños e as veciñas censadas no Concello da Fonsagrada. Cada unidade de convivencia poderá presentar unha única fotografía coa decoración de Nadal da fachada, balcón, fiestras e/ou xardín exterior da súa vivenda habitual. Este certame exclúe aos comercios e establecementos que xa teñen un certame dirixido a eles.
- Modo e prazo de inscricións: A inscrición será gratuíta. Haberá que enviar unha foto actual da decoración da fachada e/ou xardín ao correo electrónico fachadasfonsagrada@gmail.com. A foto ten que ser actual, orixinal e inédita. Ningunha das fotografías presentadas pode conter persoas . A mesma non levará marcas de auga. O prazo de envío será ata o día 15 de decembro de 2022. Nese mesmo correo deben conter o Anexo I incluído nas bases. Nas redes sociais para preservar a privacidade do veciño ou veciña só figurará o nome da casa e a súa localidade. Os e as participantes autorizan ao Concello da Fonsagrada a publicar a fotografía da fachada e/ou xardín nas redes sociais do Concello, na web e difundilo á prensa.
- Desenvolvemento do Certame: Entre o 16 de decembro de 2022 e o 6 de xaneiro de 2023 publicaremos nun álbum de Facebook as fotos que nos fagan chegar os e as participantes. Nesas datas poderase votar a fotografía que máis guste facendo clic en “ Gústame” nesa imaxe.
- O xurado será popular a través da rede social Facebook. Nesas datas poderase votar a fotografía que máis agrade facendo clic en “Gústame” nesa imaxe.
- Premios: O día 7 de xaneiro de 2023 ás 12:00 horas, as 3 primeiras fotografías con máis “Gústame” terán un premio. Os premios serán tres diplomas e as seguintes cantidades económicas en función da clasificación: 1º premio: 150€, 2º premio: 100€ e 3º premio: 50€. Os premios non son acumulables. Todos e todas as concursantes recibirán un agasallo por participar.
- O veredicto do xurado farase público nas redes sociais do Concello.
- Bases
- Solicitude de Inscrición